
Neste encontro tentouse simular a estrutura óptima que debe ter un tipo de materiais porosos con estrutura zeolítica para absorber de maneira máis eficiente o dióxido de carbono. Timón tamén aproveitou a súa estancia no CESGA para avanzar noutra das súas investigacións: o estudo de espectros infravermellos dos xeos de auga. Alén disto, con este traballo comprenderase mellor a composición dalgúns corpos celestes.
Máis polo miúdo, a súa liña de investigación trata sobre a captura de CO2 para reducir a súa presenza na atmosfera e a súa posterior reciclaxe, así como o comportamento deste tipo de gases en contornas astrofísicas e a formación de xeos. As investigacións que se están a realizar respecto diso desenvólvense a través da súa participación na convocatoria International Research Staff Exchange Scheme EU Marie Curie Action-, proxecto CapZeo.
Vicente Timón aproveitou a súa estancia no CESGA para avanzar ademais outra investigación do seu grupo, nesta ocasión enfocada á astrofísica: “O noso departamento está a analizar xeos de auga, de CO2 , de metano… para estudar os seus espectros infravermellos, que son pouco coñecidos nestes ambientes de baleiro e baixas temperaturas; o obxectivo é comprender mellor a composición dalgúns corpos celestes”. Segundo fixo saber, tratase de dúas investigacións diferentes, pero en certo senso relacionadas: consisten en coñecer en maior profundidade estes gases, para saber como tratalos na Terra e entender o seu comportamento no espazo exterior cando se adhiren á auga, mestúranse e forman os seus propios xeos, “dado que os atopamos nunha ampla variedade de corpos celestes, en cometas e planetas como Marte”, explicou.
E engadiu: “É fundamental que aproveitemos as posibilidades que nos brindan os centros e as redes europeas de supercomputación para poder levar a cabo uns traballos que, doutro xeito, non se poderían facer. No meu caso este tipo de zeolitas son compostos grandes formados por redes de moléculas orgánicas (imidazoles) e metais (cinc) que, xunto aos gases a estudar e a introdución de auga, complican bastante o sistema en composición e número de especies que interveñen, polo que se necesitan moitos recursos informáticos para realizar os cálculos”, salienta Vicente Timón Salinero, quen agora procederá a analizar os datos obtidos.
O CESGA pon recursos de seu nun estudo contra o cambio climático
Compartir Este Artigo
