Vodafone España e Huawei deron a coñecer estes días unha nova experiencia conxunta dirixida a acadar meirandes e mellores puntos de interacción entre banda larga móbil e fixa. En realidade, trátase dunha proba piloto, polo que aínda teremos que agardar un chisco para vela finalmente operativa e dando servizo a nivel xeral. A experiencia, inserida no eido da banda larga ultrarrápida, combina de xeito automático as vantaxes do ADSL e o 4G. Chámase DSL/4GH bonding, e é quen de xuntar as dúas tecnoloxías a través dun router Huawei (AR169 ou AR1220W).
Máis polo miúdo, axusta de forma automática a velocidade en caso de conxestión mantendo o servizo activo ata en caso de corte da liña DSL ou 4G. Este servizo está inicialmente deseñado para clientes empresariais. Estes poderán tirarlles partido a velocidades de ata 200 Mbps en descarga de datos e de ata 60 Mbps en subida en contornas fixas cun servizo de banda larga ultrarrápida sempre dispoñible. Segundo explica Vodafone, trátase da primeira vez que se proba esta tecnoloxía no mercado español, unha tecnoloxía que “permite mellores velocidades e experiencia de uso aos seus clientes de ADSL e VDSL”.
Vodafone España combina ADSL e 4G nunha experiencia piloto de rede ultrarrápida
Compartir Este Artigo
