Este venres a Cidade da Cultura de Galicia acolle a cuarta edición das Xornadas de Informática Xudicial, organizadas un ano máis polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa AMTEGA. Baixo o nome A xustiza ante a sociedade 2.0. Móbiles, nube, redes sociais e Big Data, o encontro ten como obxectivo informar os profesionais do ámbito xudicial de Galicia sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como da exposición de casos concretos que expoñerán relatores de alto nivel. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, será o encargado de inaugurar as xornadas e a directora de AMTEGA, Mar Pereira, clausurará o encontro.
Con máis de 100 inscritos e tras o éxito de edicións anteriores, as xornadas constitúen un punto de encontro e de debate entre técnicos e xuristas, consolidando o seu papel de foro de debate sobre temas de actualidade para a administración de Xustiza. O seu obxectivo é o de contribuír e incrementar a efectividade e eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses.
Nesta edición os asistentes poderán escoitar a profesionais como o maxistrado e xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco; o avogado Jorge Campanillas Ciaurriz, especializado en dereito das Tecnoloxías da Información ; Jorge Martín García, inspector da policía científica; o membro da Europol Jaap Van Oss especializado na ciberdelincuencia; o profesor de Dereito Administrativo Julián Valero-Torrijos; o analista en seguridade informática e socio de DinoSec Raúl Siles Peláez, e o xa coñecido community manager da Policía Nacional, Carlos Fernández Guerra.
Coas súas achegas tratarán ao longo deste venres, e desde distintas perspectivas, os retos da xustiza ante a sociedade 2.0. Ademais, mostrarán aos asistentes os últimos avances en investigación de delitos informáticos e as ferramentas necesarias para estar protexido na Rede.
O CPETIG celebra o venres as súas IV Xornadas de Informática Xudicial na Cidade da Cultura
Compartir Este Artigo
