Temos máis cifras sobre o número de familias e PEME galegas, principalmente das áreas xeográficas de máis complexa cobertura en materia de comunicacións, solicitaron este ano as axudas do Goberno galego para acceder a Internet vía satélite. En total, foron máis de 1.100 fogares e empresas os que achegaron a súa petición oficial de achegas, unhas axudas que se insiren na última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e que están destinadas ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible a través desta tecnoloxía.
Trátase pois da terceira convocatoria deste programa que no período 2012-2014 beneficiou a un total de 2.537 familias e PEME en 291 concellos. O investimento foi de máis de 600.000 euros, grazas a un acordo asinado a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Medio Rural e do Mar, que a través de AGADER, achegou o importe total das axudas. Os beneficiarios destas subvencións foron familias e empresas con enderezo en Galicia que non puidesen dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía
Segundo informa AMTEGA, os solicitantes sufráganselles os gastos de instalación e o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír o sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2 Mbps cun período de permanencia de doce meses. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes é de balde para os beneficiarios. A práctica totalidade dos beneficiarios solicitaron servizos de internet de 20 Mbps.
Tendo en conta os datos das ditas axencias sobre o despregue do programa en relación ás áreas xeográficas onde máis solicitudes se recibiron, das 2.537 peticións realizadas desde 2012, a maioría corresponden as provincias da Coruña e Lugo con 969 e 802, respectivamente. Por comarcas, a Terra Chá é a que concentra o maior número de solicitudes con 213 nas tres convocatorias, seguida da comarca de Lugo con 155. O concello no que se solicitaron máis axudas foi o de Guitiriz, con 52, seguido de Lugo e A Pastoriza con máis de 40. Fóra da provincia de Lugo, Muros e Ourense son os municipios que concentran máis axudas con preto de 40 cada un.
Máis de 1.100 familias e empresas solicitaron este ano as axudas para acceder á Rede por satélite
Compartir Este Artigo
