
A continuación, virán os relatorios e as mesas redondas propiamente ditas. ENCE Pontevedra falará dos últimos avances postos a disposición das súas plantas de celulosa e, a continuación, PSA Peugeot Citroën afondará nas particularidades do seu coche conectado (do que falamos en Código Cero salientando as contribucións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia -CTAG- e do obxectivo do proxecto: un vehículo intelixente que sexa quen de dialogar e interactuar co condutor á hora de resolver todo tipo de complexidades na estrada). Ademais, ITGlas amosará en detalle as presentes e vindeiras aplicacións das Google Glass no ámbito das aplicacións industriais.

As xornadas, organizadas polo Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Escola de Enxeñería Industrial, ata o 7 de novembro e son, segundo fai saber o principal impulsor do evento, o profesor da UVigo Ignacio Armesto, “un referente como punto de encontro entre as empresas do sector, os profesionais e os investigadores e estudantes de enxeñaría”.
Entre as empresas que terán presenza nesta sexta edición están algunhas das máis representativa do sector da automatización como ABB, Beckhoff, Bosch Rexroth, Harting, Kepware, Kuka, MatrikonOPC, Omron, Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric, Siemens, WEG ou Wonderware. A organización conta arestora con máis de 200 alumnos e alumnas inscritos.
Un dos proxectos máis rechamantes desta edición será o Fisiorob, do centro AIMEN, do que falamos recentemente en Código Cero. Trátase dun robot colaborativo que actúa nos procesos de recuperación fisioterapéutica. É froito da colaboración entre POVISA, a firma galega Balidea e a Universidade de Vigo, entre outras entidades, e o seu obxectivo desenvolver unha solución baseada na combinación da robótica con contornas virtuais de rehabilitación, para o seu uso na recuperación da mobilidade das extremidades superiores de pacientes con necesidade de rehabilitación neuromotora.
Igualmente, poderase observar o funcionamento de dous proxectos desenvolvidos por Gradiant. O primeiro deles é un sistema de localización en interiores que, a través de balizas e un localizador permite triangular a posición do que queiramos nun espazos pechado empregando unha tecnoloxía de baixo custe. O centro tecnolóxico achegará tamén outro proxecto de realidade aumentada ou animación sobre realidade que ten utilidade, por exemplo, en tarefas de mantemento industrial. Por outra banda, lembrar tamén que a Universidade acudirá ás xornadas coa impresora que se emprega para fabricar parte das pezas do satélite FemtoXat.
