O servizo musical de pagamento de YouTube deixa por fin de ser un rumor, e xa están a anunciar que a versión de proba de YouTube Music Key ofrecerá “un novo xeito de gozar da música sen publicidade, en calquera momento, dende calquera lugar”, converténdose así nun grande competidor de Spotify e outros servizos musicais en streaming que tan populares se fixeron nos últimos tempos chegando a ter un forte impacto nas descargas musicais a través de redes P2P (xa que boa parte do público considerou máis práctico o uso de servizos en liña que a acumulación de ficheiros musicais en distintos equipos).
Este novo servizo aínda non é unha realidade, senón que está a desenvolverse, e comeza pola actualización da aplicación de YouTube para Android (que pronto chegará tamén a iOS) que presenta unha sección musical na que podemos acceder a listaxes de reprodución que buscan adaptarse aos nosos gustos, par que poidamos escoitar de xeito doado temas musicais que sexan do noso agrado. Outro cambio que está a espallarse é a posibilidade de poder escoitar álbums completos con boa calidade a través de YouTube (ata o momento acceder a discografías completas non resultaba doado), para o que subirán paulatinamente vídeos musicais oficiais e outros temas durante os vindeiros meses.
Pero o mencionado servizo YouTube Music Key beta tamén presenta as súas condicións, establecéndose como unha oferta de subscrición mensual que inicialmente custará 7,99 dólares/mes (o prezo final sería de 9,99 dólares/mes) que darían dereito a escoitar música sen anuncios, coa posibilidade de que poida reproducirse de fondo e incluso cando non dispoñamos de conexión á Internet. Amais, tamén incluiría unha subscrición a Google Play Music, servizo con máis de 30 millóns de cancións, con listaxes de reprodución elaboradas por expertos e coa posibilidade de ver vídeos musicais oficiais.
Este novo servizo lanzarase mundialmente, pero polo momento só está dispoñible mediante invitación, o que permitirá aos participantes gozar deste período de proba de balde durante 6 meses.
Vídeo de presentación de YouTube Music Key beta
YouTube presenta o seu servizo musical de pagamento
Compartir Este Artigo

