Para facilitar a comunicación multimedia a través da Rede dende Microsoft levaron Skype a aplicacións para ordenadores, móbiles, televisores e consolas de videoxogos, e para continuar a espallar esta plataforma, anuncian que están a preparar unha nova versión da aplicación de correo instantáneo e conferencias de audio e vídeo que funcionará directamente no noso navegador web sen ter que instalar software adicional, o que fará aínda máis doado conectar con amigos e compañeiros de traballo ao longo do mundo.
Skype for Web está aínda en beta, e resultará de grande utilidade para quen, por exemplo, queira comunicarse coa familia ou os amigos cando se atope fronte a un ordenador público, xa que non precisaría da instalación de aplicacións para poder empregar esta ferramenta.
Deste xeito chegaría con identificarse en Skype.com para poder comezar a chatear cos amigos, e no caso de contar cun navegador web Internet Explorer, Chrome, Firefox ou Safari, tamén poderemos establecer videoconferencias.
Polo momento o número de usuarios que poden acceder a esta versión de proba é moi limitado, e irase ampliando a todos os usuarios de Skype no mundo de xeito gradual. Os usuarios aceptados no programa de beta recibirán unha invitación cando se identifiquen dentro da aplicación.
En breve poderemos facer videoconferencias de Skype directamente dende o noso navegador web
Compartir Este Artigo

