Para facilitar un consumo audiovisual cómodo e legal, Telefónica estrea hoxe Movistar Series, un servizo de vídeo baixo demanda que permite que os usuarios de Movistar TV poidan ver series completas de estrea e en exclusiva 100% baixo demanda que terán accesibles tanto no fogar como cando estean fóra (xa que tamén estará presente en ordenadores, tabletas e smartphones).
Movistar Series ten un prezo de 7 euros/mes (IVE incl.) e xa está dispoñible para a súa contratación por parte dos clientes de Movistar TV, ofrecendo actualmente preto de 30 series coas mellores estreas da tempada como Transparent, Penny Dreadful, Outlander, The Affair ou Better Call Saul, á vez que tamén inclúe outras series destacadas como Breaking Bad, The Shield ou Twin Peaks. Tamén ofrece tempadas completas dalgunhas series en emisión como The Good Wife, ampliándose o catálogo mensualmente ata contar con preto de 100 series distintas á vez.
No caso dos capítulos de estrea das series, Movistar Series ofreceraos con só 24 horas de diferencia con respecto á súa emisión no seu país de orixe, de aí que esteamos ante un servizo moi interesante para os grandes consumidores de series que ata o momento non tiñan unha plataforma legal no noso territorio para gozar da ficción televisiva de máis actualidade.
As series que estean dobradas ao español tamén contarán coa versión orixinal e os subtítulos correspondentes tanto en inglés como en español.
Spot televisivo de Movistar Series
Telefónica estrea o servizo de vídeo baixo demanda Movistar Series
Compartir Este Artigo
