Entre as iniciativas novas presentadas na edición de Culturgal celebrada a pasada fin de semana, sen dúbida a revista dixital Criaturas é unha das que máis preto nos colle en Código Cero, tematicamente e dende calquera outro punto de vista. Como avanzamos os días previos á celebración do evento, trátase dunha publicación en liña especializada en literatura infantil e xuvenil e que vén da man da escritora Ledicia Costas e o poeta e deseñador Daniel Landesa, contando no seu proxecto coa estreita colaboración dunha longa e rica listaxe de escritores e artistas. Todas e todos baixo o obxectivo común de constituír un espazo de referencia e un punto de encontro para o sector.
A presentación, celebrada o sábado 6, serviu para lembrarnos unha vez máis que na creación da literatura para nenos interveñen múltiples actores, alén dos que podemos ver en cada páxina ilustrada. Falamos de quen escrebe, de quen relata, de quen traduce, de quen ilustra e mesmo de quen critica.
A maiores fíxose saber que un dos cometidos principais da revista dixital é converterse nunha fonte informativa sobre novidades editoriais, ao tempo que visualiza as achegas dos nosos artistas. O eixe central da publicación en liña será a literatura galega, pero tamén se dará acollida a outras culturas, linguas ou xeitos de entender o relato en calquera das súas manifestacións. Con estes vimbios, e co senlleiro elenco de participantes e colaboradores (Fran Alonso, Burghard Baltrusch, Carlos Nogueira, Nuria Díaz, Agustín Fernández Paz, María Jesús Fernández, Mar García Pérez, María Lado, Montse Pena Presas, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas Zás, Laura Sáez, Gracia Sanctórum e Miguel Vázquez Freire), non é de estrañar que Criaturas fose unha das grandes sensacións do Culturgal e de que o servidor web da propia publicación estivese caido durante horas por mor da atención xerada entre os lectores e potenciais seareiros, tal e como nos contan dende Praza, onde se ofrece unha completa entrevista con Daniel Landesa. Segundo fan saber os impulsores do proxecto agora convertido en realidade, o número cero da revista dixital achega entre outras cousas entrevistas coa editora Helena Pérez e o ilustrador e escritor Jacobo Fernández Serrano, amais de espazos para a opinión e traballos de Gracia Santórum, Montse Pena ou María Jesús Fernández.
O recibimento, como dixemos, non puido ser mellor, e así o confirma o propio Landesa, que tamén alude ao conveniente que resulta un proxecto destas características para cubrir un baleiro editorial de anos: “Non atopabamos ningunha publicación que se dedicase en exclusiva ao ámbito da literatura infantil e xuvenil”. Segundo engade, “é certo que nós fomos quen primeiro se sorprendeu ao ver a acollida da páxina, tan boa que nos fixo caer da rede en tan só dous días e medio (polo de agora está felizmente solucionado), pero o certo que esta resposta de visitantes a nosa chamada de presentación do número cero encheunos de felicidade, para que negalo, mais debemos ir con pés de la”.
A revista dixital Criaturas lanza o seu número cero
Compartir Este Artigo
