
Para OCU o problema non é exclusivo do sector, pero iso non quere dicir que non se teña que poñer de relevo. Como tamén é de obriga pór de relevo que é un tipo de publicidade ao que estamos máis que afeitos. Pero todo ten un remate, engade a organización, que ilustra estas prácticas cun exemplo concreto de calote tecnolóxico: “Se mercamos un móbil ou unha tableta con 4 GB de memoria interna, de certo que nos vai saír máis barato que elixir un aparello con maior capacidade (de 8, de 16 ou de 32). Facémolo así porque decidimos aforrar e porque os nosos cálculos indican que con 4 GB de memoria teremos de abondo, pero a realidade é ben distinta, e dentro do aparello non hai sitio nin para nós nin para as aplicacións que queiramos empregar”.
Segundo entende a OCU, a metade da capacidade vai estar ocupada polo sistema operativo e polas apps que elixiu o fabricante (que non poderemos suprimir aínda que non nos gusten). Ademais, “cada actualización ocupa un pouco máis cá anterior, pero se non poñemos ao día as aplicacións, estas deixan de funcionar ao cen por cen”. O resultado de todo isto é que paseniño pero sen pausa “iremos ficando sen espazo no móbil ata decatármonos de que xa non vale”. A OCU dá uns cantos exemplos destes aparellos con engano:
· iPhone 6 de 16 GB. “Só podes usar 14,7 GB e ademais unicamente 11 GB son para apps”.
· Samsung Galaxy Note 4 de 32 GB. “Para ti só quedan 24,6 GB”.
· Samsung Galaxy Trend de 4 GB. “O que vén de serie cómese a metade da memoria e déixache só 2 GB”, explica a OCU.
· Os Xperia Z de Sony de 16 GB. “Ficamos só con 11,7 GB”.
· LG G Flex de 32 GB. “Só poderemos tirar partido de 24 GB”.
· LG L65 de 4 GB. Segundo informa a OCU, pasarémolo certamente mal con este aparello, xa que só nos van ficar dispoñibles 1,5 GB.
Sinalar por último que ao OCU denunciou finalmente a dúas ducias de marcas de teléfonos móbiles (171 modelos) e 16 marcas de tabletas (75 modelos) por incumprimento de contrato e publicidade enganosa ante a Dirección Xeral da Comunidade de Madrid.
A OCU denuncia a dúas ducias de fabricantes por “publicidade enganosa”
Compartir Este Artigo
