O novelista xaponés Haruki Murakami, un dos máis populares escritores do noso tempo a todos os niveis e tipos de esixencias (Murakami ten a capacidade de facer literatura de autor e chegar a cifras de vendas propias dos autores máis cotizados de best-sellers) anunciou estes días a apertura dunha web de seu destinada a canalizar e axilizar unha demanda concreta dos seus millóns de seareiros no mundo: a posibilidade certa e real de contactar con el en persoa. O sitio propio, O espazo do señor Murakami (en xaponés Murakami san no tokoro), será un un espazo efémero (ficará aberto durante dúas semanas). Con todo, o autor de Toquio Blues xa anunciou que achegará respostas as preguntas que lle lancen ata o mes de marzo. A reixa da web levantarse oficialmente o 15 de xaneiro.
Segundo fai saber a casa editorial do escritor, Shinchosha, será posible enviar cuestións de toda índole, “dende consultas sobre os traballos de Murakami ou as súas opinións con respecto a cuestións concretas ata preguntas sobre o que fai no seu tempo de lecer, cales son os seus lugares favoritos, cal é o seu equipo predilecto de béisbol, etc”. As respostas serán publicadas ata marzo na devandita web.
Lembrar, para os lectores galegos, que Murakami ten un bo número de libros dispoñibles en galega grazas ao importante labor levado a cabo pola editorial Galaxia. Por exemplo Do que estou a falar cando falo de correr (que se lanzou nas librarías coincidindo coa vista de Murakami ao Casino de Santiago para presentar o devandito libro), Tras do solpor, 1Q84. Libros 1 e 2 ou 1Q84. Libro 3.
Segundo nos lembra Galaxia na súa ficha sobre Murakami, as obras do escritor xaponés están traducidas a máis de trinta idiomas e por elas recibiu recibiu prestixiosos premios como o Noma, o Tanizaki, o Yomiuri e o Franz Kafka e, en Galicia, o Arcebispo San Clemente, concedido por estudantes galegos. Ademais, obtivo o Premi Internacional de Catalunya 2011 outorgado pola Generalitat “por converter a súa obra nun referente destacado do panorama literario mundial e construír unha ponte entre Oriente e Occidente”.
Haruki Murakami abre web o día 15 para responder as preguntas dos seus seareiros
Compartir Este Artigo
