Diacamma, servizo posto en marcha na Coruña para achegar solucións alternativas ao transporte urbano imperante (e que máis contamina e máis mina a economía dos cidadáns), ten entre mans unha “gran actualización” do seu servizo. Trátase dunha serie de cambios substanciais introducidos na plataforma e que se traducen en modalidades concretas e específicas da mesma. Por exemplo no fornecemento do servizo Taxi Express, “unha das máis salientables incorporacións á plataforma” e que permite que todos os usuarios de Diacamma (chamados amigablemente formigas polos creadores da iniciativa), poidan crear rutas planificadas para compartiren un taxi e garantir que isto (compartir, viaxar) se faga o antes posible. Deste xeito, Taxi Express posibilita configurar roteiros en compaña indicando canto tempo estamos dispostos “a agardar por outra formiga”.
A funcionalidade inclúe un botón que xeocaliza a nosa posición como punto de partida no propio mapa, para facilitar a creación da ruta. Segundo informan os creadores de Diacamma, cada billete de Taxi Express creado carrexa un temporizador de conta atrás visible por todos os usuarios. Isto permítenos controlar canto tempo queda para que podamos unirnos ao mesmo traxecto e, a formiga que vai iniciar a súa viaxe, agarde por nós. “Os Taxis Express”, engaden, “non só son visibles dende as novidades vindeiras, tamén se poden localizar empregando o buscador de taxis, nos resultados dos condutos taxis dos formigueiros, buscando polas etiquetas #Express e nos resultados de vehículos de transporte próximos a outros dados”.
Para ilustrar todo isto, os impulsores da plataforma achegan o seguinte exemplo: se estamos tomando un café e temos pensado coller un taxi para volvermos a casa nun prazo duns 15 minutos, podemos botar man de Diacamma para comprobar se existen taxis dispoñibles para compartir na sección de Novidades – Rutas próximas a min, ou ben a través dos métodos citados no anterior parágrafo. De atoparmos un vehículo que se adapte ás nosas necesidades, só debemos premer en Compartir e dirixirnos ao lugar acordado. Pola contra, se non damos cun taxi compatible, podemos crear a ruta na sección de Taxi – Taxi Express seleccionando o tempo que estamos dispostos a agardar.
Outro dos novos servizos de Diacamma que queremos salientar en Código Cero é o seu sistema de filtros de rutas. Trátase dun recurso que pon orde na información da plataforma (rutas buscadas por pasaxeiros, creadas por condutores, de taxis, taxis Express, finalizadas, dispoñibles, etc). Agora, e nas principais seccións de tickets, amósase unha barra de filtros na parte superior. Por exemplo, se estamos a xestionar as nosas rutas e queremos centrarnos nas que creamos como condutores e non remataron, ou nas que creamos para compartir un taxi, ou en calquera tipo de ruta que non finalizase… cun simple clic no filtro desexado será de abondo para clasificar e organizar. O mesmo acontece coas últimas rutas que foron creadas ou están próximas á nosa posición.
Diacamma pon en marcha un servizo para facilitarnos compartir taxi e do xeito máis inmediato
Compartir Este Artigo
