O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de informar da súa participación activa nunha rede europea de centros de competencias en cálculo masivo de altas prestacións (HPC) para o ámbito das pequenas e medianas empresas. A iniciativa europea, chamada SESAME NET (polas súas siglas en inglés Supercomputing Expertise for SmAll and Medium Enterprise Network), está financiada a través do programa de investigación e innovación europeo Horizonte 2020. O cometido do CESGA neste proxecto é liderar o paquete de traballo sobre participación, compromiso e desenvolvemento de capacidades e destrezas por parte das pequenas e medianas empresas europeas.
A principal finalidade da rede, segundo informa o CESGA, “é prover coñecemento, infraestruturas, soporte técnico e apoio a pequenas e medianas empresas europeas no uso de técnicas, métodos e infraestruturas de computación de altas prestacións para obter vantaxes competitivas no mercado”.
Polo tanto, o proxecto apóiase directamente en amosar e dispoñibilizar as vantaxes da supercomputación para o sector produtivo, e máis tendo en conta como dun tempo a esta parte a supercomputación “converteuse nunha tecnoloxía indispensable para o medre do negocio”, engaden os impulsores de SESAME NET, unha iniciativa que en palabras do CESGA “fornecerá apoio vital ás PEME que precisen dispor de acceso a recursos e servizos HPC para obter éxitos comerciais vindeiros”.
Como dixemos, na rede europea o centro galego ten encomendada a misión de liderar o paquete de traballo sobre participación, compromiso e desenvolvemento de capacidades e destrezas par parte das PEME. O CESGA é o único representante estatal neste tecido público-privado conformado por 15 institucións, universidades e empresas de 13 países europeos. O Centro de Supercomputación de Galicia achegará no proxecto a súa experiencia e coñecementos obtidos na prestación de servizos HPC a pequenas e medianas empresas, a través de iniciativas concretas como Simula (2005), CloudPYME I (2011), UBERCLOUD (2012), CloudPYME II (2013), FORTISSIMO (2013) ou FORTISSIMO II (2015), todas elas centradas en prover solucións HPC no sector produtivo.
Sinalar tamén que a rede SESAME NET conta con apoio financeiro do Programa Horizonte 2020 por un importe total de 2 millóns de euros. O CESGA dispón para o desenvolvemento da súa actividade dun financiamento europeo de 158.000 euros.
O CESGA participa arreo nunha rede europea de centros de supercomputación para PEME
Compartir Este Artigo

