Red.es e Intel Corporation asinaron esta semana un acordo para “impulsar a transformación dixital do tecido produto español”. A alianza foi dada a coñecer nos seus detalles polo secretario de Estado de Telecomunicacións, Víctor Calvo-Sotelo, e o director xeral EMEA de Intel, Christian Morais. O protocolo de colaboración tamén se dirixe a impulsar a innovación aberta, o desenvolvemento de Cidades Intelixentes, a formación en economía dixital e o coñecemento arredor da Internet das Cousas.
Este último concepto, como lembraremos, é a evolución natural da Sociedade do Coñecemento e da economía conectada cara unha realidade na que obxectos e persoas vivan interconectados, tendo as cousas a capacidade de dar datos de seu e comunicarse coa súa contorna. Na presentación do acordo ante os medios, Morais fixo saber que a Internet dos obxectos “abre un mundo de oportunidades na economía dixital”. E engadiu: “As iniciativas que hoxe compartimos pretenden impulsar e facilitar o acceso aos elementos que permiten engadir intelixencia e conectividade aos obxectos cotiáns, de maneira que os emprendedores e pequenas empresas sexan quen de capitalizar esta oportunidade”. Isto, dixo, fornece un efecto duplo na xeración de emprego e na mellora competitiva da economía estatal.
Dentro dos termos deste acordo ambas as entidades comprométense a pór en marcha diferentes iniciativas e promover a procura de novas sinerxías cos seus programas co obxecto de contribuír ao fomento e desenvolvemento da Sociedade da Información en España. Será pois, engadiron, “un programa conxunto que fomente a innovación, o emprendemento dixital e creación do tecido empresarial tecnolóxico español, así como tecnoloxías emerxentes como a Computación na Nube ou a Internet das Cousas”.
Entre as principais iniciativas que se activarán tralo protocolo salienta a participación de Intel no programa España Open Future, que impulsa Red.es xunto con Telefónica e que comparte espazo e recursos coa edición galega deste programa, Galicia Open Future, da que falamos onte para dar conta de que está aberta a fase de presentación de candidaturas para a súa segunda convocatoria.
Red.es e Intel impulsarán xuntas a Internet das Cousas
Compartir Este Artigo

