Agardando aínda a que chegue o 4G sobre a banda de 800 Mhz (20 de xullo) e contarmos coas conexións LTE de máxima calidade que poden ofrecer os operadores a España, a banda larga segue avante coa súa evolución e os fabricantes xa anuncian as redes de telecomunicacións móbiles do futuro co estándar 5G co chamado proxecto Fantastic-5G para desenvolver a nova interface aérea coa que tirarlle o meirande rendemento posible á capacidade das redes móbiles.
E cal sería o seguinte chanzo a subir no sector das redes móbiles de telecomunicacións? Trátase de tentar concentrar nunha mesma contorna un número en aumento de teléfonos móbiles, tabletas e dispositivos weareable, que convivirán á súa vez con múltiples obxectos conectados á Rede grazas ao avance da Internet das Cousas. Estas novas necesidades requiren o deseño dunha nova interface aérea quen de xestionar de maneira sustentable a conexión do dispositivo conectado á rede móbil e á información transmitida.
Fantastic-5G, nace froito da unión dos principais fabricantes de dispositivos electrónicos e provedores de servizos de telecomunicacións do mundo, que ao longo de dous anos tratará de desenvolver esta nova interface no espectro de frecuencias de 6 GHz. Entre as súas características salienta a adaptabilidade, pois permitirá soportar distintas clases de datos transmitidos e multitude de dispositivos diferentes. Todo iso axustándose en cada intre ao medre de número de trebellos conectados que irán aparecendo e sen perder de vista nin a eficiencia enerxética, nin as condicións para actualizar software no futuro.
Quen son os implicados neste proxecto? Detrás de Fantastic-5G están compañías de referencia no eido como as operadoras Orange, Telecom Italia, fabricantes como Alcatel-Lucent, Huawei, Intel, Nokia, ou Samsung, e centros de investigación como o Centre Tecnològic de Telecomunicacions de Catalunya, e foi financiado con fondos públicos europeos recibindo unha inxección de 8 millóns de euros, dentro do marco Horizon 2020, marcado por Bruxelas para conseguir desenvolver as redes 5G no noso continente.
A engadir que, grazas a esta tecnoloxía, mellorará aínda máis a cobertura móbil en interiores e zonas afastadas, así como permitirá a conexión dun maior número de dispositivos á Rede, todo iso soportando velocidades estándar de 20 Gbps e que xa demostraron ser 250 veces máis rápidas que o actual estándar 4G.
Fantastic-5G, outra volta á banda larga móbil
Compartir Este Artigo

