Este 15 de xullo APD Noroeste celebra na Coruña unha conferencia-coloquio co profesor José María Gay de Liébana, a desenvolver baixo o epígrafe Cara á industria do novo mundo. Que debemos facer para cambiar? O encontro, ao que está prevista a asistencia de máis dun centenar de directivos, celébrase co apoio do IGAPE e o Fondo Social Europeo. Coa celebración desta charla maxistral, APD pretende pór ao alcance dos directivos as claves da política económica que vai propiciar “o nacemento dunha nova industria como resposta ao novo mundo, baseado na cultura tecnolóxica e audiovisual”.
Un proceso (reindustrializar a economía española botando man do coñecemento e a innovación) que segundo ten apuntado o conferenciante, “require un esforzo común de todos os actores, públicos e privados. A charla desenvolverase no Hotel Hesperia Finisterre entre as 18.00 e as 20.15 horas.
Lembrar, respecto da traxectoria do relator, que Gay de Liébana é doutor en Economía e Dereito, e exerce de profesor titular de Economía Financeira e Contabilidade na Universidade de Barcelona. É Académico Numerario da Real Academia de Doutores e participa decote como comentarista de actualidade económica en diversos programas de televisión e radio, amais de escribir en prensa, revistas e publicacións especializadas, ao que cómpre engadir a súa páxina persoal na Rede, onde avalía e debulla con linguaxe clara diversas cuestións económicas de actualidade.
O economista Gay de Liébana falará na Coruña sobre a industria do novo mundo
Compartir Este Artigo

