Vodafone anunciou hoxe a posta en marcha dunha iniciativa tecnolóxica para incrementar a seguridade e a rápida resposta ante emerxencias nas praias estatais. Trátase, máis polo miúdo, de habilitar nun bo número de areais (especialmente concorridos e con características orográficas e marítimas que os fan axeitados para un meirande seguimento) material avanzado de rescate nos seus postos de vixilancia: vehículos aéreos non tripulados. O obxectivo do proxecto é incrementar ao máximo a capacidade de resposta dos equipos de salvamento ante posibles incidencias grazas á alianza pilotos socorristas-drons. Trátase dunha experiencia piloto que se está a habilitar en Cabopino (Marbella), Ribadesella (Asturias), Isla (Cantabria), Cartaxena e Benalmádena (Málaga).
O proxecto enmárcase na arela de Vodafone One de “pór a tecnoloxía ao servizo das persoas e facerlles a vida máis sinxela”. Neste caso en concreto, a idea era tirar partido de tecnoloxías para acurtar tempos de resposta, e máis tendo en conta que se ten demostrado que un socorrista tarda o triplo de tempo que un dron en chegar a rentes dun bañista en perigo. Agora, a intención é impulsar o traballo conxunto dron-socorrista. Deste xeito, socorrista e máquina, ante un posible contratempo, diríxense cara ao mar. Iso si, antes de chegaren, o aparello voador actúa primeiro lanzando un salvavidas á persoa en risco, “dando máis marxe á persoa que acuda ao rescate para pór en marcha os labores de salvamento”. Segundo informa Vodafone, “esta considerable redución de tempo contribúe moi positivamente aos traballos de rescate en posibles afogamentos, unha das principais preocupacións no verán, e que en España achega unha media de 400 mortes ao ano”.
A operadora engade que os pilotos socorristas Vodafone One tiveron que formarse segundo os cursos establecidos por AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea) que inclúen tanto materias teóricas como prácticas. A operadora salienta que os pilotos de salvamento, para poder manexar este tipo de drons, “deben ter un alto coñecemento relativo a comunicacións, navegación, meteoroloxía, procedemento operacional, dereito aéreo así como posuír un control absoluto dos dispositivos, sendo quen de realizar despegues verticais, translacións laterais a gran velocidade, voos en ambos os sentidos, espirais e outras series de manobras que lles permitirán chegar no menor tempo posible ao seu obxectivo”. Estes equipos traballan en estreita colaboración cos socorristas oficiais das praias, que se benefician da alta velocidade dos dispositivos para ofrecer unha primeira axuda que reforza o protocolo de rescate.
O proxecto estará vixente ata o 15 de setembro. A iniciativa foi deseñada pola axencia de medios MEC, que se encargou de idear a acción, crear a estratexia e planificala. Pola súa banda, o operador aeronáutico dos drons é Trabajoscondron.com. Ademais, Vodafone España reforzou a cobertura 4G en máis de 580 praias de todo o litoral estatal, con especial atención ás que se atopan situadas en zonas con alta densidade de usuarios.
Vodafone pon en marcha en areais españois unha iniciativa piloto de drons de salvamento
Compartir Este Artigo

