Hoxe presentábase o Plan Smarturismo, unha iniciativa que pretende converter ao turismo tradicional en turismo intelixente coa axuda da tecnoloxía, segundo palabras de Alberto Núñez Feijóo. A dita proposta, inserida no marco da Axenda Dixital de Galicia 2020, está dotada con 10 millóns de euros e establecerá as pautas para facer de Galicia un destino turístico intelixente; adaptando os modelos de negocio aos novos hábitos de consumo turístico.
Para acadar estes obxectivos, Feijóo avanzou que a comezos de outubro estará dispoñible a Plataforma Tecnolóxica do sector (EXTRANET), unha ferramenta única de acceso a todos os servizos que proverá Smarturismo. Unha canle dixital para o sector, que estará integrada coa sede electrónica da Xunta, para facer mías doada a xestión en liña da súa información administrativa e promocional.
Asemade, será a finais de ano cando se publique o novo portal de Turismo de Galicia, un novo espazo para a difusión da oferta turística e a localización de contidos e servizos polo turista, que estará encamiñado a dispositivos móbiles e que reforzará a comercialización do produto turístico galego. E, no último trimestre do ano tamén arrancará o primeiro fito dunha liña específica para potenciar os Camiños de Santiago, SmartCamiño, á que xa se adheriron máis de 700 empresas situadas na Ruta Xacobea.
Na rolda de prensa deste mediodía tamén se fixo fincapé na publicación dun portal do Camiño xunto cunha aplicación móbil para que os peregrinos poidan recibir información en tempo real a medida que avanzan cara a Compostela (servizos turísticos e comerciais de cada lugar por onde pasan, cambios meteorolóxicos, información de albergues, eventos…); “e, antes de que remate o ano, dotarase de conexión Wi-Fi, nunha primeira fase, a 46 dos albergues públicos do Camiño”.
O turismo de Galicia tornarase máis “intelixente” co Plan Smarturismo
Compartir Este Artigo

