Calquera persoa que teña un mínimo trato coa informática tivo que facerse algunha vez esta pregunta perante o ensarillado de cables que adoita acompañar calquera equipamento: A que tanto fío? Isto é aplicable ao ámbito da comunicación entre os aparellos e entre os aparellos e nós, pero tamén se pode aplicar ao eido do fluxo de enerxía. Dito doutro xeito: podemos levar cargar un aparello electrónico sen necesidade de cables? Segundo se reflicte duns traballos desenvolvidos por un equipo de investigadores da Universidade de Washington en Seattle (EE UU), si que se pode. De feito, xa amosaron como tirar partido dun router para alimentar baterías e baixo a fórmula tan cobizada do wireless.
Os investigadores en cuestión, con todo, están comezando dende abaixo. Ou sexa, dende os trebellos dos que extraen enerxía electrodomésticos miúdos e mandos a distancia, cousas como pilas de litio (botón) e pilas máis convencionais. O seu traballo (dispoñible en PDF) preséntase baixo o un epígrafe co que semellan querer abrir unha nova era tecnolóxica, se cadra o pulo definitivo á Internet das Cousas: Alimentar os vindeiros miles de millóns de dispositivos con Wi-Fi.
A súa tecnoloxía PoWiFi e opera a distancias de ata 8,5 metros “apañando” a propia enerxía xerada pola dita tecnoloxía sen fíos e fornecéndoa de continuo ás baterías. En certa maneira, estamos ante un recurso cazador de recursos, máis polo miúdo a que se desprende (e decote vense perdendo) da propia actividade Wi-Fi. E todo isto, sinalan os investigadores, sen reducir as propias capacidades da tecnoloxía sen fíos. O sistema desenvolvido en Seatlle opera con frecuencias da banda ISMC (na que se inclúe o Wi-Fi, o Bluetooth e o ZigBee). A súa aplicación para cargar pequenos dispositivos é grande, explica o grupo de desenvolvedores, e máis tendo en conta que os regulamentos en Europa e Estados Unidos non limitan á súa aplicación nas comunicacións. Polo de agora, iso si, o seu sistema non valería para alimentar un teléfono intelixente, xa que un dispositivo destas características precisa 4 ou 5 voltios, que é moito máis do que ofrecen ata o intre presente os investigadores e a súa tecnoloxía.
Desenvolven un sistema que carga baterías a través de tecnoloxía Wi-Fi
Compartir Este Artigo

