O 2016 é o ano marcado pola Xunta para a tramitación 100% electrónica. Así o apuntaba o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, ao subliñar que este feito suporá a eliminación do papel na relación dos cidadáns coa Administración. Indo ao miolo do proceso, cómpre dicir que arestora xa se está a pilotar no Rexistro Xeral, continuará estendéndose de xeito progresivo no último trimestre de 2015 aos rexistros xerais da Xunta en Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e aplicarase nas 342 oficinas de rexistro da Administración local galega ao longo de 2016.
E que se persegue con isto? Pois o obxectivo é que a dixitalización chegue ás 533 oficinas que forman parte do Sistema Único de Rexistro ao longo de 2016, converténdose Galicia, a efectos de rexistro, “como unha única administración pública”, sinalou Feijóo.
Unha vez completado o proceso, calquera documento que entre nestas unidades será dixitalizado e compulsado de maneira electrónica co fin de conformar o expediente administrativo dixital, que se almacenará no Arquivo Dixital de Galicia.
En canto ao eido da tecnoloxía, é preciso falar da entrada en funcionamento do servizo Chave 365, que fará máis doada a xestión telemática coa Administración. Esta iniciativa, dixo o presidente, achegará meirande sinxeleza na accesibilidade dos servizos de rexistro público en liña co uso de claves concertadas para acceder á sede electrónica. Asemade, engadiu, “dará resposta ás dificultades do uso de certificado electrónico e para evitar que as persoas que non están familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos”.
Este servizo funcionará identificando a sinatura electrónica e para empregalo o usuario terá que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade nas oficinas de rexistro habilitadas ou ben a través da sede electrónica. Unha vez verificada a identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite telemático coa Administración.
Este servizo poderá solicitarse a partir de agosto no Rexistro Xeral da Xunta e irase introducindo paseniño no resto das oficinas do Rexistro. A incorporación de Chave 365 suporá un paso adiante cara a sede electrónica móbil.
A dixitalización dos Rexistros chegará no 2016
Compartir Este Artigo

