No ano 2010 a empresa de cable galega R pasou a estar controlada polo CVC Capital Partners, polo que só era cuestión de tempo a súa venda a outra compañía, o que parece estar a piques de concretarse, xa que vén de pecharse un acordo de compra co que Euskaltel faríase co 70% do capital de R en propiedade de CVC e co 30% restante que estaba en mans de Abanca. O prezo fixado sería 10,9 veces o EBITDA estimado para R en 2015 (1.155 millóns de euros) e pagaríase nunha mestura de efectivo e accións, de xeito que CVC pasaría a ser un dos accionistas máis importantes de Euskaltel, só por detrás de Kutxabank (que ata antes da operación tiña o 30,1% das accións do operador). Están por pecharse os termos da operación, esperándose que inicialmente as compañías continúen a operar de xeito independente, mantendo os seus respectivos equipos directivos.
Euskaltel debutou no mercado bolsista o pasado 1 de xullo, e actualmente conta cunha rede de fibra óptica de 346.700 quilómetros que dan cobertura a 800.000 fogares e 150.000 empresas e establecementos en Euskadi. A súa fusión con R podería ser un paso máis de cara á súa adquisición por parte de Vodafone (ou Orange) nos vindeiros meses (posiblemente xunto con Telecable), xa que o escenario estatal de telecomunicacións leva anos mudando completamente de xeito que a fragmentación territorial xa non se considera sustentable, e eran poucas as compañías de cable que non pertencían a Ono (compañía absorbida recentemente por Vodafone) en virtude da nova conxuntura provocada por un cambio lexislativo que eliminou o minifundismo das telecos.
Vimos de alcanzar un principio de acordo para a unión de Euskaltel e máis R nun operador de telecomunicacións. Isto, en ningún caso, suporá a perda nin a merma de identidade de ningunha das dúas compañías porque tanto Euskaltel no País Vasco coma R en Galicia nacimos e desenvolvémonos cunha clara vinculación ás nosas respectivas terras. Manteranse, en todo caso, as estruturas locais e os equipos de xestión, por consideralos clave dende sempre. En canto teñamos o texto publicado pola CNMV con todos estes detalles, contarémosvolo de novo.
