A firma compostelá Windsock, especializada en deseño gráfico e desenvolvemento web, vén de anunciar a renovación integral da imaxe online do grupo Aludec, multinacional de raizame viguesa con máis de tres décadas de experiencia e centrada na fabricación de emblemas e monogramas para o eido do motor. Os traballos de Winsock abrangueron o deseño, o desenvolvemento e a publicación da nova web corporativa de Aludec, incluíndo tamén o fornecemento de contidos, fotografías e mailo material audiovisual de presentación. O labor levado a cabo orientouse, de cara ao usuario, a tirar a mellor experiencia posible internauta-web, garantindo unha comunicación efectiva” a través dun compoñente visual moi marcado (fotos, información con infografías) e desbotándose a liña máis convencional dos textos explicativos longos que arredan aos visitantes.
Segundo fai saber Windsock e reflicte o Clúster TIC Galicia, plataforma da que forma parte, o deseño responsive permite ver a web de maneira axeitada en dispositivos móbiles, “sen perder a súa estética visual e mantendo a súa funcionalidade”. Asemade, leváronse a cabo probas cross-browser para garantir o correcto desempeño nos diferentes navegadores.
O desenvolvemento abrangueu tamén a achega dunha cumprida galería de imaxes e o HTML5 permitiu embeber os vídeos multiformato nun reprodutor personalizado e sen necesidade de aloxamento ou plugins de terceiros.
Windsock refai a imaxe corporativa online da multinacional Aludec
Compartir Este Artigo

