As compañías Vodafone España e OnMobile Global Limited (OnMobile) anunciaron os días pasados o lanzamento do primeiro servizo de alta definición no ámbito dos tons de espera para os clientes de Voz 4G (voz sobre LTE) da operadora e da aplicación Identity de OnMobile. Esta última ferramenta, máis en detalle, fornece aos usuarios de Vodafone a posibilidade de personalizar os seus tons de espera dende unha nova interface que permite identificar de xeito doado cada son. Ademais, achega aos clientes a opción de escoitar os tons previamente antes de seleccionalos.
A aplicación ofrécese baixo un modelo de tarifa plana e baséase, en palabras das empresas, nunha meirande liberdade para mudarmos as cancións asignadas aos nosos contactos coa frecuencia que desexemos, “así como accedermos a un amplo catálogo coas novidades do panorama nacional e internacional e os éxitos de sempre”. A maiores, poderemos personalizar os tons que escoiten os interlocutores establecendo listaxes de reprodución con varias cancións. Para Vodafone, o lanzamento do servizo Tons de Espera en HD constitúe “unha vantaxe dupla”, pois “permite proporcionar a mellor experiencia de cliente e abre novas opcións de personalización”.
Onmobile e Vodafone lanzan servizos de tons de espera en HD para voz 4G
Compartir Este Artigo

