A experiencia do hostaleiro compostelán Óscar de Toro no Camiño de Santiago (o reto #OscarOnTheWay organizado por Galicia Calidade do que falamos os días pasados en Código Cero con motivo da súa preparación) acadou finalmente unhas cifras moi salientables de seguimento: máis de un millón de persoas atenderon de preto ao seu percorrido polo Camiño (o real) a través das tecnoloxías 2.0 (virtuais). Como lembraremos, o seu desafío consistiu nun percorrido (dende o Cebreiro ata a Praza do Obradoiro o día 25) no que xogaron “un papel fundamental” as redes sociais, amais dos propios peregrinos. Durante os sete días de itinerario difundiuse de continuo na Internet e nos servizos 2.0 todo o relativo aos detalles da experiencia viaxeira.
Amais de ter acadado a cifra do millón de persoas seguindo a súa traxectoria e informándose das súas vivencias, o hostaleiro compostelán logrou a cifra nada desprezable dos once millóns de impactos a través das súas publicacións. Estes e outros éxitos, segundo se reflicte na Rede, é ben posible que animen ao protagonista da historia a achegar continuidade á experiencia, “por ser algo que os peregrinos precisan e demandan”.
A iniciativa, como lembraremos, dirixiuse a promover os produtos galegos entre os peregrinos a través das redes sociais durante o percorrido do Camiño de Santiago. Na canle de YouTube de Galicia Calidade, para quen queira afondar en que consistiron estas actividades de promoción, hai unha serie de vídeos que amosan ao detalle como se desenvolveu o labor de reivindicación dos nosos produtos. Porén, os grandes piares web da iniciativa foron os espazos propios de Facebook, de Instagram e de Twitter baixo o cancelo #OscarOnTheWay.
O Camiño 2.0 de Óscar de Toro foi seguido por máis de un millón de persoas
Compartir Este Artigo

