
Tal e como anunciamos hai uns meses dende Código Cero, YouTube está a abrir este verán a porta da súa aplicación adicada a videoxogos, YouTube Gaming. A compañía de Google sinalou con motivo da posta en marcha deste servizo que un dos seus obxectivos é asentar, oficializar e ampliar a súa vertente gamer, buscando xeitos de impedir que a competencia neste eido (Twitch) siga a quitarlle vantaxe en volume de negocio e usuarios e apostando claramente pola retransmisión en directo de vídeo para o ámbito dos videoxogos. Segundo se conta, YouTube Gaming está en boa medida “semidispoñible”: na páxina web de seu aínda non se certifica a súa chegada oficial a todos os mercados pero o ficheiro .APK si que está accesible para descarga.
Respecto da ferramenta en si mesma, a aplicación céntrase en fornecer vídeos de xogo de consola, complementando esta liña de actividade con milleiros de referencias de produtos, tráilers, recensións, guías de xogos e partidas en directo vía streaming. Hai tamén canles de chat para comunicármonos con outros membros da comunidade e funcionalidades para subscribirnos ás nosas canles preferidas (do mesmo xeito que en YouTube).
Calcúlase que o catálogo de videoxogos será de arredor de 25.000. Neste ámbito, tirarase proveito da experiencia con YouTube Live para achegar unha óptima experiencia cos directos. Entre os puntos fortes do servizo atópanse os vídeos de ata 60 fotogramas por segundo, función de gravación (DVR) e conversión automática de retransmisións en directo a vídeos de YouTube.
Chega YouTube Gaming para facer comunidade de seareiros dos xogos
Compartir Este Artigo

