A cifra de ataques bancarios cuxo obxectivo son os dispositivos móbiles vén de experimentar un novo medre. Segundo detectou Kaspersky Lab este segundo trimestre de 2015 o número de novos programas de malware móbil foi de 291.800, un 2,8 veces a cantidade acadada no período anterior. Tamén se rexistraron 1.000.000 de paquetes de instalación de programas maliciosos móbiles, que son 7 veces máis. Este tipo de presenzas seguen sendo unha das principais ameazas móbiles, sinala Kaspersky.
En termos máis concretos, a empresa de seguridade asegura que no primeiro trimestre o protagonista foi o troiano Trojan-SMS.AndroidOS.OpFake.cc, que era quen de atacar como mínimo a 29 bancos e institucións financeiras. A versión máis recente deste malware pode afectar negativamente a 114 institucións bancarias e financeiras, engade a firma, que sinala que o seu principal obxectivo é roubar as credenciais de inicio de sesión do usuario co que atacar varias aplicacións de correo electrónico máis populares, entre outros servizos.
O informe tamén destaca a dubidosa traxectoria deixada no primeiro trimestre polo Trojan-Spy.AndroidOS.SmsThief.fc, cuxos creadores aproveitaron o seu código para integralo nunha aplicación bancaria lexítima, sen afectar o seu funcionamento, “polo que se fixo máis difícil detectar este troiano”. Tamén se salienta o papel do Trojan.IphoneOS.FakeTimer, un malware sobre todo para iOS que guinda ataques contra os dispositivos e que busca suplantar identidades para roubar diñeiro. Tivo especial incidencia entre os usuarios de Xapón.
RiskTool (44,6%), pola súa banda, lidera a estatística dos programas maliciosos para dispositivos móbiles detectados no segundo trimestre de 2015. No segundo posto está a categoría Adware, formada por programas publicitarios no móbil potencialmente indesexables (19%). Os troianos SMS deixaron de liderar esta listaxe e no segundo trimestre ocuparon o cuarto posto cun 8,1%. “A redución desta porcentaxe”, explica a compañía, “ten que ver co feito de que os programadores que antes os espallaban masivamente comezaron a empregar métodos máis transparentes de monetización, do que dá fe o medre da porcentaxe de RiskTool”.
Multiplícase por 2,8 o volume de malware móbil
Compartir Este Artigo

