Google e Indra amosaron esta semana os detalles do seu acordo para impulsar a experiencia dixital dos clientes das dúas empresas botando man das cadansúas tecnoloxías máis avanzadas. Segundo fixeron saber os responsables das multinacionais (Google de raizame norteamericana, Indra española) o obxectivo final da alianza é dar forma á primeira plataforma empresarial como servizo que bota man dos recursos de ámbalas dúas firmas. Esta plataforma chamarase GHybrid Engine e mestura como dixemos os seus respectivos achados no ámbito da nube.
Indra, máis polo miúdo, contribuirá con Indra GPaaS, paquete de solucións cloud que acubilla, entre outras cousas, todo o preciso para deseñar e distribuír comercialmente todo tipo de ferramentas tecnolóxicas accesibles como servizo (sexa cal sexa a súa complexidade) dende calquera lugar e en calquera intre (base da computación na nube).
Segundo confirmaron Google e Indra, búscase achegar aos usuarios un feixe de solucións que cinga os beneficios dos modelos acubillados en nubes privadas e nubes públicas. Segundo fixo saber ao xornal CincoDías o director do Centro Tecnolóxico Cloud de Indra, Alfonso Ríos, “con esta oferta os clientes poderán acceder a un modelo híbrido que lles permitirá usar tanto os seus propios centros de datos como servidores públicos a demanda para mover información e crear valor, podéndoos controlar e xestionar dunha maneira automatizada”. Ríos engade que os servizos que van pór en xogo polas dúas empresas fornecerán a firmas de calquera envergadura a ocasión “de optimizar os seus recursos e custos operacionais, automatizar procesos, controlar a súa propia información dunha maneira unificada e incrementar a súa capacidade de negociación ao xestionar diferentes nubes públicas (Amazon Web Services, VMWare RackSpace, entre outros) e privadas de forma transparente”.
Google e Indra xuntan experiencia tecnolóxica de cara a mellorar o servizo a usuarios
Compartir Este Artigo

