Preto dun milleiro de comerciantes e artesáns galegos benefícianse das axudas por máis de 3 millóns de euros que vén de conceder a Consellería de Economía e Industria dentro do programa para impulsar o smart commerce e o comercio en liña, no cal obtiveron tamén apoios 5 federacións e asociacións do sector comercial e artesán.
Con estas axudas impulsaranse 450 proxectos de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinan o comercio en liña e fóra de liña; que implican a utilización das redes sociais para a venda ou que avanzan no desenvolvemento do m-commerce; complementando así a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais.
Ademais, cos apoios que vén de conceder a Consellería de Economía e Industria desenvolveranse preto de 400 iniciativas centradas na implantación de ferramentas que melloran a xestión do negocio e o deseño dos seus produtos ou no desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado; así como no desenvolvemento de novos produtos. Por outra banda, promoveranse máis de 1.000 proxectos centrados no acondicionamento de locais comercial e na mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.
Coa posta en marcha deste programa avánzase no establecemento do smart commerce, un novo modelo de comercio intelixente que sitúa o cliente no centro da súa estratexia, ámbito no que se centra o segundo dos retos do novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia. Así, neste segundo eixo apóstase por incrementar a innovación no sector como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando as vendas en internet e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.
Precisamente entre os obxectivos que se fixan no novo Plan, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, está triplicar a porcentaxe de empresas de menos de 10 traballadores que venden na internet, alcanzando o 14%. Tamén se busca incrementar nun 15% os emprendedores que traballan no sector, ata chegar aos 60.800 en 2020; e aumentar nun 10% o número de comercios que se asocian para competir, chegando ata os 20.000.
A Xunta impulsa o smart commerce e o comercio en liña cun programa de axudas a comerciantes e artesáns
Compartir Este Artigo

