A empresa EGATEL, con sede en Ourense e centrada no desenvolvemento e fabricación de tecnoloxía avanzada de difusión de sinal de televisión, anunciou esta semana que vai amosar os detalles dos seus transmisores de TV de alta eficiencia en banda larga no evento IBC2015, unha das maiores feiras do mundo da industria de medios electrónicos. Na cita, que se celebra ao acubillo do RAI Convention Center de Amsterdam, entre o 11 e o 15 de setembro, a firma galega tamén dará a coñecer a súa nova liña de produtos no eido dos transceptores vía satélite.
Nun plano máis detallado, EGATEL amosará dende a caseta 8.D40 como é o funcionamento real dun transmisor de TV de alta eficiencia e con tecnoloxía de banda larga da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), que proporciona un rendemento en toda a banda UHF de ata un 42%, tanto en refrixeración líquida como con aire, informan os responsables da firma galega, que engaden que “a optimización da eficiencia enerxética nos transmisores acádase a través da tecnoloxía Doherty”, que, ao operar con función banda larga, permite facer cambios de canle sen necesidade de levar a cabo modificación algunha nos amplificadores.
EGATEL tamén presentará o Smart LNB, un equipo concibido polo operador de satélites Eutelsat e posto a pleno rendemento pola compañía ourensá. As dúas compañías achegan esta tecnoloxía como “un innovador produto para a nova xeración de servizos bidireccionais a través da plataforma de televisión conectada”. Trátase, máis polo miúdo, dun dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novo transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. “O terminal Smart LNB”, avanza EGATEL, “revolucionará o mercado das telecomunicacións ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos da TV conectada vía satélite como por exemplo os servizos de HbbTV, as redes sociais, as operacións de compra ou o consumo de contidos á carta, así como aplicacións Machine to Machine (M2M), eSaúde, fogar dixital, etc”.
EGATEL leva á feira IBC de Amsterdam os seus transmisores de TV de alta eficiencia
Compartir Este Artigo

