A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo deu a coñecer co inicio do novo ano académico a súa oferta de cursos para o primeiro cuadrimestre, unha oferta que salienta por estar integrada case na súa totalidade por actividades formativas en liña. De feito, dos seis cursos que se impartirán no dito período, cinco serán virtuais e só un presencial, o de extensión cultural dirixido a estranxeiros. O prazo de matrícula está aberto ata 18 de setembro para todos os cursos e o prezo da inscrición é de balde para a comunidade universitaria.
Segundo fai saber o equipo responsable da Área, os cinco cursos en liña “cobren un amplo abano de temas”, dende a documentación administrativa ata a redacción de traballo docentes e de investigación en galego, pasando polo uso habitual da linguas no día e día e mesmo as redes sociais como ferramenta de busca de emprego. O primeiro en arrancar será o de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, que botará a andar o 28 de setembro, con 20 horas de duración e está destinado a todas aquelas persoas interesadas en mellorar a súa expresión escrita e afondar no coñecemento de ferramentas para organizar os documentos.
O cinco de outubro arrancan outros dous cursos. Por unha banda, o de redacción de documentos administrativos, de 20 horas, que ofrece unha guía rápida para redactar este tipo de escritos. Por outra banda, iníciase un curso para sacarlle partido ao correo electrónico, “que en 20 horas ofrecerá atallos, facilidades e pautas para unha correcta redacción que axude a mellorar a comunicación”, sinalan dende a Área, que engaden que a comezos de novembro comezarán os outros dous cursos virtuais: un sobre a harmonización, normalización e unificación textual e o outro no uso das redes sociais como ferramenta para dar a coñecer o perfil profesional, que permitirá aos asistentes mellorar a redacción do seu currículo. O primeiro ten unha duración de 20 horas e o segundo, que se imparte en colaboración coa Área de Emprego da Universidade, é de 15 horas.
A Área de Normalización Lingüística da UVigo aposta de firme pola formación en liña
Compartir Este Artigo

