Televés fixo estes días un balance “moi positivo” da súa participación na primeira feira da Asociación Colombiana de Enxeñeiros (ACIEM), que se celebrou o pasado 25 de agosto en Bogotá. O evento, sinala a empresa galega de telecomunicacións, xuntou aos axentes máis referenciais do sector no país, “con máis de vinte empresas e fabricantes internacionais, e uns 300 enxeñeiros e integradores”. A xuízo de Televés, foi un evento de “máxima relevancia para o negocio das telecomunicacións”, que en Colombia achega grandes posibilidades de desenvolvemento. A firma de Compostela amosou alí, ao detalle, as súas liñas de produto certificadas para o mercado de Colombia, centradas en fornecer solucións globais e integrais: tanto para a edificación como para operadores, pasando polo ámbito da eSaúde.
Así, Televés deu a coñecer dende o seu stand a súa gama de cabeceiras de distribución T.0X, salientando as solucións de encoder DVB-T adaptadas á canalización colombiana de 6Mhz por canle, e a gama de equipos para transmisións ópticas. Tamén causaron expectación, engade a firma galega, as solucións GPON (rede óptica pasiva con capacidade de gigabit) para condominios e as de IPTV (distribución de servizos de televisión sobre protocolo de Internet) para hoteis. “O esforzo do persoal técnico no país e a oferta de solucións técnicas de calidade adaptadas ás necesidades do mercado colombiano foron moi valoradas polos asistentes e pola propia asociación ACIEM”, engaden fontes da compañía compostelá.
Televés constata a súa aposta firme polo mercado colombiano
Compartir Este Artigo

