O Plan TIC, documento asinado na pasada década para artellar e impulsar o uso das TIC nas clases, non acadou (en termos xerais) finalmente os seus obxectivos. Así o certifica a investigadora ourensá Elena Añel na súa tese de doutoramento e así o reflicte a Universidade de Vigo salientando que o programa devandito estaban pouco adaptados á realidade de cada aula e eran de difícil acceso para a comunidade docente. Como lembraremos, en 2007 publicouse a normativa que obrigou aos centros galegos a facer un Plan de Introdución (para educación primaria) e Integración (para a educación secundaria) das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. É o chamado Plan TIC. O dito traballo da investigadora centrouse nos oito anos de aplicación do Plan.
Ao seu xuízo, este tipo de iniciativas adoitan ser documentos elaborados en función da normativa pero pouco acaidos a situación concreta de cada escola e cada aula. Entre as conclusións que tira Elena Añel do seu estudo figura a seguinte: “Existen demasiados condicionantes arredor da súa elaboración e aplicación e que fan que a gran maioría deles dependan da boa vontade do profesorado”. A tese, titulada O Plan TIC no ensino obrigatorio: análise dun lustro, foi dirixida pola docente Manuela Raposo e presentada en galego na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Para a investigación, que se desenvolveu durante cinco anos, Elena Añel recolleu información de equipos directivos e dinamizadores e dinamizadoras TIC dos centros educativos da provincia de Ourense e fixo unha análise de contido das páxinas web dos centros e dos propios plans. Como resultado de disto, o traballo xerado ofrece unha avaliación destes documentos, da súa implantación, dos condicionamentos da súa posta en marcha, do uso webs dos centros e do papel dos dinamizadores e dinamizadoras TIC, entre outros aspectos.
Segundo recolle, “o proceso de implantación dos Plans TIC nos centros educativos galegos non foi inmediato senón progresivo nos seguintes cursos escolares”. Acerca do seu contido, indica a investigadora que “responde de forma coherente ao establecido na normativa, aínda que o documento escrito non reflicte a realidade dos centros en canto á integración das TIC no proceso de ensino-aprendizaxe; así, a información obtida dá a entender que o Plan TIC é un documento do centro elaborado a principio do curso como unha parte máis da programación xeral sen ter máis repercusión que a súa existencia como requisito legal”.
Na investigación sinálase que a existencia do Plan TIC é maioritaria nos centros privados-concertados situados en núcleos urbanos e de gran tamaño, de máis de 500 alumnos e alumnas, e que cantidade de recursos informáticos e a implicación e compromiso amosado polos equipos directivos destes centros son dous factor importantes á hora de pór en marcha e aplicar estes documentos.
Segundo recolle o estudo, outro elemento crucial na aplicación dos plans é a do dinamizador ou dinamizadora das TIC, figura sobre a que a autora da tese informa que “non está de abondo definida na normativa e, polo tanto, déixase na man do profesorado, que de forma voluntaria opta por asumir a responsabilidade da introdución e integración das TIC nos centros de ensino”. O persoal docente que exerce este papel nos centros de ensino, recolle a tese, é maioritariamente “un home de 31 a 40 anos, especialistas dunha materia concreta de pouca carga horaria semanal, cunha antigüidade como funcionario de ensino de entre dez e vinte anos, que levan no centro de traballo actual menos de cinco e que foi seleccionado para este posto por criterios de formación, dispoñibilidade horaria e voluntariedade”.
A tese dunha investigadora ourensá desvela as eivas do Plan TIC
Compartir Este Artigo

