Telefónica asinou esta semana un acordo coa firma Captio, nova iniciativa acubillada na plataforma de lanzamento empresarial da operadora, Telefónica Open Future. O acordo permitiralle á compañía de telecomunicacións ofrecer aos seus clientes a solución do mesmo nome (Captio) para mellorar e optimizar a xestión dos gastos de empresa, dixitalizándoa e automatizándoa. Telefónica lembrou na sinatura da alianza que Captio naceu para emendar as problemas que se derivan do tratamento ao uso das notas de gasto de viaxes da empresas (problemas de ineficacia que afectan ao traballador en mobilidade como á propia empresa cando ten que verificar as notas).
A solución dixital que comercializará Telefónica facilitará polo tanto a automatización da xestión das notas de gasto, tanto desde o punto de vista de quen as xera como do que as debe aprobar, “sen necesidade de conservaren o soporte de papel das notas”, sinala a operadora, que engade que a plataforma posibilita un manexo totalmente electrónico da información, “porque a dixitalización está certificada e homologada pola Axencia Tributaria”. Sobre esta conexión co ámbito público, a operadora lembra que a colaboración con Captio vaille permitir adiantarse ás esixencias da Administración, “xa que a partir de 2017, o novo regulamento da Axencia Tributaria obriga ás grandes empresas, deixando ao resto de compañías que se somen con carácter optativo, a informar de maneira individualizada de todos os tickets, tanto emitidos como recibidos”.
A nova solución dixital que Telefónica ofrece aos seus clientes utiliza unha tecnoloxía OCR propia, desenvolvida polo departamento de I+D de Captio, que extrae de maneira automática os datos dos tickets dixitalizados a través do dispositivo do traballador. Ademais, é compatible con calquera terminal móbil. O resultado de todo isto é que os empregados poden xerar as súas notas de gasto “nun só clic”. Polo tanto, engade Telefónica, “suprímense os fluxos manuais da xestión de gastos de empresa, permitindo unha contorna centralizada na supervisión, automatizando o control e contabilizándoo nos sistemas de xestión”. Entre as firmas que xa empregaron a tecnoloxía de Captio atópanse BBVA, Bankinter, Carglass, Grupo Eulen, IFEMA, Mango, Carrefour ou Almirall.
Telefónica achegará aos seus clientes a solución de xestión de gastos Captio
Compartir Este Artigo

