Hai dous anos durante o encontro Galicia Innovation organizado por Zarpamos, a aceleradora galega entrou en contacto con The Academic College of Tel Aviv; universidade privada israelí, especializada en startups de software e innovación, con experiencia de aceleración en máis de trescentas empresas. Ambas as entidades asinaron un convenio de colaboración en maio do 2014 co obxectivo común de fomentar a transferencia de coñecemento e a xeración de negocio, o que permite realizar a actual convocatoria de captación para startups en setembro deste ano, unha oportunidade para todos aqueles que queiran desenvolver a súa idea de negocio.
Para esta convocatoria os perfís de procura das startups son os seguintes: Fintech (ámbito financeiro), Health (ámbito da saúde), E-commerce, Turismo e Sector primario. Os motivos da selección destes e non outros ámbitos de negocio son comúns para ambos os países, aínda que por motivos diferentes en cada caso. Para o noso país sectores como o e-commerce e o turismo implican internacionalización, un obxectivo prioritario neste caso. Convén aclarar que a selección non é excluínte e poden presentarse outro perfil de candidatos e sectores, pero si se consideraron os cinco anteriores como ámbitos prioritarios.
Unha das prioridades fundamentais do programa é que as startups seleccionadas teñan unha clara vocación internacional, vontade de saír fose e ter unha visión global do negocio. A diferenza fundamental deste programa é que o apoio non se limita ao comezo da colaboración, senón que o que se pretende é crear un vínculo de talento entre aceleradora e empresa creada, xerando networking e sendo socios do proxecto. Cun obxectivo de lanzar dez empresas cada ano, nun prazo de tres anos Zarpamos sería partner de trinta empresas en total.

Os candidatos deberán expoñer a súa idea en mesas de traballo que se celebrarán os días 10 e 11 na Coruña . Dunha primeira fase de selección, permanecerán 20 proxectos que estarán na aceleradora traballando de forma intensa o seu modelo de negocio, plan de viabilidade, debilidades… e que se someterán a unha peneira final na que se escollerá ás dez definitivas. As startups afortunadas gozarán de seis meses de aceleración con mentores de recoñecido prestixio nacional e internacional e dunha estancia de oito semanas na aceleradora Hatima da Universidade Privada de Tel Aviv.
Zarpamos abre a súa convocatoria de captación internacional de startups
Compartir Este Artigo

