Expertos israelís e galegos en emprendemento compartirán experiencias en Galicia Innovation

mércores, 19 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Como dixemos onte, os días 29 e 30 de maio vai nacer na nosa terra (na Coruña) un novo encontro tecnolóxico, local e internacional a partes iguais e complementarias. Falamos de Galicia Innovation, un evento promovido pola Fundación Ronsel e que conta con GlobalNovaTrade e a aceleradora galega Zarpamos en tarefas de organización. Na súa primeira entrega, os convidados serán os partners que a iniciativa Zarpamos ten en Israel. Estes expertos de Oriente Próximo participarán ombro con ombro cos seus homólogos galegos en relatorios e mesas de debate arredor de cuestións que irán do xeral ao concreto, pero sempre cos seguintes fíos temáticos: innovación, internacionalización, financiamento, aceleración e transferencia de coñecemento de Israel a Galicia (e viceversa).
Concorrerán na xuntanza Noga Kap, especialista en investimentos de capital de risco e mentora en StartHub, Shira Abel, experto en mercadotecnia internacional para start-ups, Noam Wekser, especialista en innovación e desenvolvemento de equipos, Gil Shay, emprendedor en serie e mentor en StartHub, Eyal Benjamin, director de StartHub, Gil Canaani, experto en capital risco e capital privado, e Omer Pomerantz, especialista en Ideación, Java Mobile e solucións de Oracle.
Pola nosa terra, intervirán Frankie Gómez, fundador e principal responsable de Confirmsign, Fernando Vázquez, director e propietario de Imatia, Manuel González Penedo, director do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de patróns UDC, Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación na Xunta, Miguel Díez Ferreira, fundador e director de Rede Karaoke e Ramón Saltor, principal responsable de The Crowd Angel.
Como dixemos, o obxectivo de Galicia Innovation é o de fomentar o intercambio de experiencias entre emprendedores de diferentes países a través de obradoiros, relatorios e xornadas de networking, etc. Asemade, segundo nos fixo saber nunha entrevista recente Manuel García, impulsor de Zarpamos, do que se trata é de mobilizar a todo tipo de axentes galegos para que compartan este espírito de intercambio de experiencias e de colaboración alén das fronteiras. “A Galicia Innovation”, contounos daquela García, “están convidados todos os grupos de investigación das universidades galegas, oficinas de transferencia e entidades públicas e privadas.
O programa de actividades inclúe tamén unha cea para facer networking cos expertos procedentes de Israel e para rematar, o día 30 haberá un DemoDay para presentarlles (a eles e aos axentes galegos e españois convocados) os proxectos de Zarpamos, máis outros que se seleccionarán previamente e independentes da aceleradora.