Tras unha pequena demora por mor de atopar un fallo na actualización do software de sistema do Apple Watch, finalmente veu a luz watchOS 2, o sistema operativo que fai que finalmente o reloxo de Apple funcione como era de esperar dende o principio, de xeito que o reloxo corra xa moitas das aplicacións que antes funcionaban no smartphone e só empregaban o reloxo como pantalla secundaria (provocando demoras que desesperaban ao usuario).
Agora o Apple Watch ten máis esferas para elixir (permitindo que incluso as aplicacións de terceiros poidan actuar como complicacións, ou sexa, que poderían amosar información das aplicacións complementando a esfera que dá a información horaria), aplicacións máis avanzadas e rápidas (que agora poden ser nativas do reloxo, o que abre moitas posibilidades, podendo incluso acceder ao sensor de frecuencia cardíaca, ao altofalante e ao micrófono) e mellores opcións de comunicación (permite responder correos electrónicos con só levantar o pulso e contestalos mediante ditado por voz, emoticonas ou respostas predefinidas).
Con watchOS 2 tamén é posible empregar a voz para iniciar accións e consultar información grazas a un uso máis avanzado de Siri, aínda que moitos usuarios agradecerán bastante máis outras prestacións novas como o Bloqueo de Activación, de xeito que para activar o reloxo será preciso o nome de usuario e o contrasinal de iCloud para garantir que no caso de perda ou roubo do reloxo a nosa información estea a salvo.
Apple actualiza o software de sistema do seu reloxo
Compartir Este Artigo
