O encontro deste luns organizado polo Consello da Cultura Galega, a xornada Cultura e comunicación na Europa do século XXI, foi finalmente un fervedoiro de ideas e propostas arredor das claves para crearmos, entre todas e todos, un tecido TIC que permita unha cidadanía máis activa, unha cultura máis aberta e unha profesión, a de xornalista, máis implicada na evolución dos acontecementos tecnolóxicos. Amais das declaracións a prol disto do profesor Víctor Sampedro, das que falamos onte polo miúdo, houbo máis voces que avogaron por facer da cultura un ben integralmente común e das tecnoloxías espazos críticos de reflexión para un mundo mellor e nos que se respecte o diverso. Voces como por exemplo as de Carlo Sorrentino, profesor de Socioloxía dos Procesos Culturais e Comunicación, da Università di Firenze, quen puxo sobre a mesa como a Rede muda o concepto de esfera pública que pasa a xerar unhas identidades máis diversificadas e individualizadas.
Segundo Sorrentino a día de hoxe importa a visibilidade e, nese contexto, o xornalismo transformou o seu papel ao apareceren tamén outros “recipientes” que nos axudan a crear novas narrativas sobre a realidade. A sesión da mañá completouse co relatorio de Mary McCarthy, directora da National Sculpture Factory que falou desde un punto de vista creativo da divulgación do centro que dirixe cun relatorio titulado Arts activity in a time of national crisis. An Irish perspective.
A sesión da tarde tivo un carácter práctico e nela responsables de publicacións de ámbito cultural expuxeron en primeira persoa a súa situación. Blanca Berasátegui, directora de El Cultural, afirmou que a obriga dun xornalista cultural pasaba por diferenciar entre difusión e calidade e a así como axudar a xerarquizar e instruír a cidadanía. Foron Carles A. Foguet, un dos fundadores dunha das revistas culturais de máis éxito dos últimos tempos como é Jot Down, e Marta Peirano, responsable de cultura de eldiario.es e que completaron as experiencias prácticas. Para Peirano “o noso traballo non é criticar, senón ofrecer ferramentas para a xente saiba comprender a realidade”, mentres que para Foguet falou da evolución desta plataforma que naceu como un magazine e que se converteu nunha empresa de comunicación e difusión cultural. Os tres amosaron a importancia de rendibilizar e capitalizar a cultura. “Hai que pagar ao creador, as ideas teñen dono e ese capital e esa rendibilidade dá liberdade e independencia ao traballo” apuntou Blanca Berasátegui.
Un pouco antes, Raquel Martínez, profesora da Universidade de Valladolid e Javier Pantoja, xefe da Área de Desenvolvemento Dixital do Museo Nacional del Prado explicaron a importancia de comunicación desde os centros e institucións culturais. Para Martínez os museos están empezando timidamente a abrirse ás redes sociais e, no caso dos centros de arte contemporáneo, co obxectivo de converter o público virtual en presencial. Javier Pantoja explicou que no caso do Museo do Prado a súa estratexia de comunicación está pensada para aumentar o potencial da rede social.
Os desafíos dos xornalistas para o futuro centraron a recta final da xornada do CCG sobre cultura e comunicación
Compartir Este Artigo

