Ultreia Comunicacións, empresa membro da asociación Ineo, inaugurou este martes as súas novas instalacións emprazadas no Campus da Universidade de Vigo, unha nova sede de seu que, en palabras dos responsables da firma, diríxese a “impulsar un ecosistema de vangarda para o desenvolvemento de produtos TIC”. Segundo engadiu Ultreia, a través das dependencias acabadas de estrear e da man das empresas Balidea e Teltek (coas que comparte instalacións) créase unha contorna de colaboración entre compañías do sector tecnolóxico que ten como obxectivo o “fortalecemento de todas elas seguindo o modelo de Silicon Valley”. Son declaracións de Eduardo Díaz, de Ultreia, quen lembrou que a cooperación entre empresas “é clave para un crecemento común”.
Segundo explicou, o modelo de Silicon Valley apóiase nunha contorna na que os enxeñeiros de diferentes compañías apóianse uns aos outros decote e coa finalidade compartida de crear innovadores produtos TIC e acadaren maiores cotas de competitividade.
Volvendo á inauguración das novas dependencias, dicir que contou coa presenza de Ineo, que quixo participar na presentación dunhas instalacións que, en palabras da asociación, “están inspiradas no lema de cabeceira de Ineo”. Ou sexa, no lema Camiñar xuntos refórzanos.
Na cita, amais dos responsables de Ultreia e Ineo participaron o xerente de Teltek, Vicente Goyanes (que explicou os plans do seu espallamento internacional) e María del Carmen López, responsable en Vigo de Balidea (que salientou “o papel clave” da súa nova oficina de I+D+i no campus olívico, “de onde saen proxectos recoñecidos internacionalmente”, sinalou). Desde Ultreia Comunicacións amosáronse ilusionados con esta nova andaina, sendo a súa arela seguir obtendo froitos da súa colaboración no marco da Cidade Universitaria UVigo, “que vén exercendo como caldo de cultivo para empresas tecnolóxicas, ben a través dos seus alumnos titulados como das iniciativas que se forman na súa contorna”.
Ultreia fortalece a fórmula colaborativa coas súas novas instalacións no Campus da UVigo
Compartir Este Artigo

