O Grupo Vodafone, Huawei e u-blox veñen de informar que completaron “con éxito” a súa primeira proba comercial do pre-estándar NB-IoT (Banda Estreita da Internet das Cousas), unha tecnoloxía nova que, segundo informan as ditas empresas, ampliará a capacidade de comunicación e interacción dos obxectos conectados achegando máis eficiencia na súa relación con Internet en zonas de difícil acceso vía conectividade móbil ou ben requirindo baterías de longa duración. Vodafone e Huawei, ao respecto do devandito, integraron “con éxito” a dita tecnoloxía na rede móbil do operador en España, sendo quen de enviar a primeira mensaxe co pre-estándar NB-IoT a un módulo u-blox situado ao carón dun contador de auga abastecida por Augas de Valencia.
Segundo informan Vodafone e Huawei, “os contadores de auga constitúen só unha parte dos obxectos que poderían conectarse tirando proveito de NB-IoT, unha unha tecnoloxía LPWA que ofrece unha solución económica, unha gran duración de batería, unha zona de cobertura ampla para obxectos que requiran unha conexión móbil de longo alcance (por exemplo, en sotos ou en zonas de pouca cobertura) e baixo consumo enerxético”. Segundo engaden, a tecnoloxía promete acadar ata 10 anos de vida na batería e “gran penetración de cobertura en interiores”. Estes dous puntos, inciden, fan posible conectar dispositivos a través de NB-IoT de maneira sinxela e eficiente mediante unha rede móbil establecida. Na súa opinión a tecnoloxía “terá un uso moi amplo para as empresas, desde contadores de subministracións ata controladores de sensores ou seguimento de activos”.
A dita proba comercial rematada con éxito empregou chipsets e software de Huawei e “foi a primeira do seu tipo en levar a bo porto a implementación da comunicación de banda estreita en bandas de telefonía móbil”, informan as compañías, que engaden que “o despregamento de NB-IoT no espectro móbil licenciado significa que é seguro e menos susceptible de interferencias e pode proporcionar unha mellor garantía de servizo”.
Vodafone lanza dende a súa rede española a primeira mensaxe en directo con tecnoloxía NB-IoT
Compartir Este Artigo

