Blablacar fixo reconto este Nadal dos usuarios que lles tiran partido aos seus servizos durante este período festivo (por comunidades). Segundo fan saber os responsables desta plataforma dirixida a facilitar o uso do transporte compartido, un 116% máis de usuarios galegos empregárona durante estas festas. Jaime Rodríguez, de BlaBlaCar en España e Portugal, explicou que as persoas que tiran proveito da comunidade de viaxeiros son moitas e variadas, dende demandantes de emprego ata traballadores de todos os sectores, novos, adultos, mozas e mozos, “cada vez o perfil do usuario de BlaBlaCar é máis heteroxéneo”. Arestora o servizo conta con 125.000 usuarios galegos, que xa deixaron atrás a liña dos 62 millóns de quilómetros compartidos.
En total, a rede social de viaxeiros “alternativos” (viaxeiros que optimizan e ocupan prazas de vehículos que doutro xeito ficarían baleiras) conta con 20 millóns de integrantes. Segundo engaden os responsables do servizo a conto destas festas, “en todas as comunidades autónomas detectouse un crecemento mínimo do 8% e de ata o 210% de usuarios que volveron á súa casa nestas datas con BlaBlaCar”. A provincia galega na que máis se incrementou o número de usuarios que contactaron a través da rede social nestas de Nadal foi Ourense (140%), seguida moi de preto pola Coruña (138%) e Lugo.
Un 116% máis de usuarios galegos tiraron partido este Nadal de BlaBlaCar
Compartir Este Artigo

