
As Memorias de Escavación do ex profesor da Universidade de Santiago, que entre outras cousas promoveu a primeira campaña de escavacións no Castro de Elviña, presentan as denominacións dos diferentes xacementos e proxectos, o tipo de intervención arqueolóxica que neles se desenvolve, os concellos, os datos dos promotores e directores de escavación, a duración dos traballos e a súa localización con planos de emprazamento e de parcela xeorreferenciada. “Cada unha das memorias”, informan FOGA e a Fundación Monteagudo, “contén unha introdución xeral coas características e a situación xeográfica das escavacións, os seus antecedentes históricos e a metodoloxía de traballo empregada, descricións dos traballos desenvolvidos, interpretacións, conclusións e relacións dos tratamentos aplicados e as correspondentes propostas de conservación”.
Nos anexos a estas memorias atópanse tamén debuxos de campo, fichas de unidades estratigráficas, inventarios de materiais arqueolóxicos, debuxos dos devanditos materiais, láminas con fotografías e planos da situación das parcelas.
Os traballos de dixitalización consistiron na preparación e traslado dos documentos sobre os que se aplicou un proceso de captura dixital no Laboratorio de FOGA. Tralo tratamento das imaxes “e os debidos controis de calidade”, explican fontes da empresa galega, procedeuse á súa entrega, acompañadas de documentos OCR (con textos en soportes editables en formato dixital). Entre os obxectivos deste traballo atópanse os de contribuír á preservación do dito legado e, tamén o de pór estas memorias a disposición de investigadores e usuarios en xeral en Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
FOGA dixitalizou as Memorias de Escavación do arqueólogo coruñés Luis Monteagudo
Compartir Este Artigo

