Microsoft abriu a semana anunciando que o seu sistema Windows 10 atópase instalado a día de hoxe en máis de 200 millóns de dispositivos en todo o mundo. Esta cifra e o medre da mesma, por certo, experimentaron un importante impulso na celebración do pasado Black Friday, que segundo apunta a compañía engadiu un 40% de novos dispositivos con Windows 10. Para Microsoft, non cabe dúbida de que o sistema encarrila o vieiro axeitado, e máis se temos en conta que Windows 10 é a versión do software de todas as achegadas pola compañía que amosa unha traxectoria de implantación máis rápida. Máis polo miúdo, a súa taxa de adopción é un 140% máis rápida cá de Windows 7 e un 400% máis cá de Windows 8.
Segundo engade a multinacional, o éxito de Windows 10 nos eidos empresariais e do ensino “tamén é visible arestora”. Así, máis do 76% dos usuarios empresariais de Microsoft contan con programas piloto de Windows 10, e máis de 22 millóns de dispositivos de empresas e de usuarios centrados en educación teñen instalada a última versión do sistema.
Como lembraremos, a versión Windows 10 foi lanzada por Microsoft o pasado verán, presentándose no mundo cunha serie de novidades a ter en conta, por exemplo a súa vertente multiplataforma estándar (serve para calquera dispositivo electrónico, mesmo sen pantalla) e o seu potencial no ámbito da mobilidade (achega un mesmo sistema independentemente do dispositivo empregado en cada momento (tableta, portátil, teléfono, etc).
Windows 10 xa está instalado en máis de 200 millóns de dispositivos
Compartir Este Artigo

