A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo de inscrición para os novos cursos do InLugo, a súa iniciativa socio-tecnolóxica para favorecer a vida saudable e o envellecemento activo a través do uso enriquecedor das novas tecnoloxías da información (computadores, Internet, móbiles, cámaras dixitais). Segundo informa o organismo provincial, o interese polos novos cursos de InLugo (adicados, tamén, a fomentar actividades de mellora persoal pola vía das TIC) foi ben amplo, xa que ao longo da mañá de onte cubríronse o 75% das prazas, “o que dá conta da alta demanda que teñen estes cursos impartidos polos traballadores da Fundación TIC”, explican fontes da Deputación.
Nestas actividades, como dixemos, as persoas maiores de 55 anos aprenden a desenvolverse coas novas tecnoloxías para mellorar a súa calidade de vida, estimular a memoria e traballar diversas habilidades. Serán un total de 16 cursos, nos que se formarán 203 persoas entre os meses de xaneiro e marzo.
As accións formativas teñen as seguintes temáticas: Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador (2 edicións); Obradoiro de memoria TicTac Lugo. Enriquecendo a memoria do pasado (3 edicións); Que son as redes sociais: descobre Facebook (crea o teu propio perfil nas redes sociais); Mantemos en forma o cerebro coa Wii; Copia os teus arquivos; Atréveste con Internet? (2 edicións); Ximnasia mental coa tableta; Escribe no teu computador empregando un editor de texto; Manéxate coas novas tecnoloxías, coñece a túa tableta; O carteiro en Internet (que é o correo electrónico?); Organízate co teu móbil; Exercicio mental co computador e Avanza e coñece todo o que pidas facer co teu smartphone. As persoas interesadas poden anotarse acudindo ás propias instalacións do InLugo, chamando ao 982-22-51-86 ou na web da Fundación TIC.
Ampla demanda para os novos cursos TIC de InLugo
Compartir Este Artigo

