A operadora R vén de dar a coñecer novidades importantes sobre a súa filial CINFO, firma galega centrada en solucións e servizos de vídeo intelixente e descuberta de contidos. Segundo sinala a dita compañía de telecomunicacións, CINFO vén de mercar a totalidade de Syntheractive, outra start-up da nosa terra coa que CINFO levaba anos colaborando “en diferentes proxectos de cliente e de Investigación e Desenvolvemento”. Syntheractive, que ten a súa sede no Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Coruña, é unha firma xurdida da UDC (unha spin-off) que se adica a fornecer tecnoloxía audiovisual avanzada, como por exemplo a plataforma Synthetrick, concibida para crear (en tempo real), executar e entregar vídeo sintético interactivo.
A adquisición de Syntheractive a mans de CINFO, en palabras dos responsables das dúas firmas “a culminación dun traballo conxunto entre ambas as empresas”, compleméntase coa entrada de novos socios na estrutura do accionariado de CINFO. O novo accionista é Cloudtech Inversores, que segundo informa operadora “entra cun 20% das accións tras esa recente ampliación de capital”. Mentres, R lembra que manterá a súa participación maioritaria en CINFO, a día de hoxe cun 67,2%. En palabras da operadora, estes cambios “ratifican e avalan o comezo dunha nova etapa na historia de CINFO, desta volta a prol do desenvolvemento da súa estratexia de internacionalización grazas ao apoio dos devanditos investidores externos con experiencia a nivel mundial”. Segundo fai saber a compañía de cable, a idea é “traspasar as fronteiras da nosa terra con innovación galega e seguir competindo nos mercado máis punteiros do mundo”.

CINFO (filial de R) merca Syntheractive, spin-off da Universidade da Coruña
Compartir Este Artigo
