Aínda que boa parte do mercado culpaba hai uns meses ao inminente lanzamento de Windows 10 da caída na venda de equipos informáticos, os datos que vén de publicar IDC estiman que no último trimestre de 2015 caeron as vendas de ordenadores un 10,6%, o que sería unha pronunciada caída interanual, aínda que Gartner manexa uns resultados máis moderados (unha caída do 8,3%), pero que en calquera caso confirma o feito de que levamos anos cos ordenadores tendo cada vez un menor volume de vendas.
Destes datos podemos entender que, aínda que os ordenadores seguen a ser ferramentas imprescindibles para moitos traballos, os seus ciclos de renovación alongáronse considerablemente, ao que parece que tamén contribuíu o feito de que dende Windows 7 e 8 fose posible actualizar a Windows 10 sen pagamento adicional, de xeito que os usuarios non percibiron a necesidade de adquirir un novo ordenador para gozar do novo Windows, como acontecía en anteriores ocasións.
Curiosamente Apple aínda mantén unha forte posición no mercado, e durante o último trimestre de 2015 mellorou tanto en número de equipos vendidos como en cota de mercado, mentres que o resto de grandes fabricantes viron erosionadas as súas vendas en preto do 10%.
Cos últimos datos teriamos que o fabricante que mantén o liderado en vendas sería Lenovo, seguido a curta distancia por HP. Máis lonxe estarían Dell e Asus, que cos anteriores serían os catro fabricantes que adiantan a Apple en número de ordenadores vendidos.
Importante caída na venda de ordenadores persoais
Compartir Este Artigo
