A Deputación de Pontevedra e as Cámaras de Comercio da provincia van sumar forzas para levar o máis lonxe posible a capacitación TIC das pequenas e medianas empresas da contorna. Así se fixo saber esta semana nunha xuntanza entre a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, e representantes das entidades camerais de Pontevedra, Tui, Vigo e Vilagarcía. O obxectivo da Deputación con este tipo de iniciativas é dar forma a “un novo modelo de relación cos axentes económicos e sociais para o impulso das PEME e os autónomos”. A xuntanza desta semana é a primeira dunha completa axenda de encontros (con axentes económicos e sociais, coas cámaras, cos concellos, co tecido empresarial) para os vindeiros meses, todos eles compartindo o nexo común do pulo TIC.
Ademais, a través destas sesións en común coas cámaras e outras institucións, o novo Goberno da Deputación de Pontevedra quere poñer o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) a disposición de microPEME e autónomos para a súa formación e capacitación tecnolóxica. Carmela Silva sinalou na reunión dos días pasados que a institución provincial desexa saber as necesidades de todos os posibles usuarios do Centro para convertelo “nun verdadeiro instrumento de formación e asesoramento tecnolóxico”. Asemade, salientou que a primeira das reunións tivo lugar coas cámaras “por ser interlocutoras moi válidas co mundo empresarial, así como pola estrutura de coñecemento que teñen, necesaria para que as administracións sexamos máis operativas á hora de poñer en marcha actuacións para impulsar o tecido empresarial”.
O encontro tamén serviu para dar a coñecer o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) aos representantes das ditas entidades, co obxectivo de incorporar melloras ao seu funcionamento. Silva informou, ao fío disto, que “o CPAE 2.0 estaba centrado exclusivamente na prestación de servizos a microPEME e autónomos en cuestións relacionadas coas novas tecnoloxías, pero sen implicar e establecer marcos de colaboración cos axentes empresariais e económicos, que son os que realmente demandan e precisan os servizos tecnolóxicos”. Segundo engadiu, o CPAE 2.0 achega un servizo “de información a autónomos e microPEME da provincia, que representan o 92 % do tecido empresarial provincial, ofertando unha serie de actuacións para potenciar o desenvolvemento económico a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación dos procesos produtivos, facilitar a implantación do comercio electrónico e crear unha nova canle de venda online de produtos e servizos”.
Para impulsar o devandito, o CPAE 2.0 dispón dunha rede de seis puntos (Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, O Porriño e Ponteareas), nos que emprendedores, autónomos e pequenas empresas poden obter información e asesoramento personalizado sobre o emprego das TIC no seu eido de actuación empresarial.
A Deputación de Pontevedra e as Cámaras de Comercio impulsarán a formación TIC das PEME
Compartir Este Artigo

