Atopar algo perdido é un traballo que non sempre ten bo final. Se o que se perde é un animal, a nosa mascota, dar con ela converterase nunha obsesión que se cadra non remata ben. Para achar de xeito asegurado ao noso compañeiro a axuda das novas tecnoloxías pode ser un factor decisivo, pois a Internet xoga a prol nosa. Así nace DondeestaLaika.com, un proxecto con mascota real -Lima- unha bulldog francesa compañeira dun grupo de informáticos freelancers que puxeron en marcha esta aplicación que, coa axuda de todas e todos, fai posible atopar mascotas perdidas que teñan chip ou cartón identificativo.
E como se atopa a un animal extraviado? Unha vez lido o chip da mascota atopada e enchendo o formulario da web, o que facemos é introducir o punto de localización exacto da mascota nunha base de datos e unha vez rexistrado, agardamos a que o seu propietario orixinal comece a procurala escribindo o número do chip no buscador e poñéndose logo en contacto. No caso do dono ou dona do animal extraviado, terá que teclear o chip do mesmo no buscador e se a persoa que o a atopou xa o deu de alta na base de datos da web, a mascota sairá localizada nun Google Maps para que ambas partes se poñan en contacto para devolver o animal ao propietario.
E como se financia esta idea? Pois a través de publicidade xeolocalizada, ou sexa: segundo onde viva o cliente apareceralle a empresa que puxese publicidade.
Asemade, existen maneiras de doazón a clínicas veterinarias para que poidan axudar a propietarios sen recursos e doazóns a ONG e hospitais veterinarios para que axuden a mellorar a calidade de vida dos bulldogs franceses. Emporiso, o día que non haxa ingresos para manter a web, o proxecto chegará ao seu remate segundo apuntan os propios creadores.
Dondeestalaika.com colabora con diversas ONG que teñen como fin o coidado e respecto a estes animais e colaborará con todas aquelas que teñan esta finalidade.
A Internet xa conta cunha web para atopar animais perdidos: Dondeestalaika.com
Compartir Este Artigo

