A Xunta de Galicia porá en marcha este ano o Arquivo Dixital Integrado, unha infraestrutura tecnolóxica situada no Centro de Proceso de Datos do Gaiás, e que nace ao abeiro do desenvolvemento do Proxecto europeo ARPAD, que se enmarca no Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP). Unha vez entre en funcionamento, actuará como nodo central de custodia de toda a información que xera a Administración autonómica, posibilitando ademais a tramitación integramente electrónica e a conservación do patrimonio documental galego.
Esta plataforma tecnolóxica incluirá dúas áreas diferenciadas: o Arquivo Electrónico Administrativo e o Arquivo Electrónico Patrimonial. O Arquivo Electrónico Administrativo funcionará como pedra angular da Administración electrónica, permitirá eliminar progresivamente o papel na Administración e xestionar e conservar con todas as garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital durante todo o ciclo de vida administrativa. No primeiro trimestre de 2016 estarán xa integrados no Arquivo Electrónico 100 procedementos administrativos cuxa xestión será integramente electrónica.
Pola súa parte, o Arquivo Electrónico Patrimonial conterá máis de 275.000 documentos dixitalizados procedentes dos Arquivos do Reino de Galicia, do Histórico Provincial de Ourense e do Concello de Tui. Este Arquivo Electrónico Patrimonial será compatible con proxectos europeos como Europeana (punto común de acceso aos fondos das bibliotecas, arquivos e museos de toda Europa). A previsión é que os seus fondos estean accesibles desde o Portal de Difusión do Patrimonio Documental de Galicia no primeiro trimestre de 2016.
A información que xera a Administración autonómica organizarase en 2016 no Archivo Dixital Integrado
Compartir Este Artigo

