A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI) veñen de formalizar un acordo para cooperar en materia de emprendemento e a innovación. Máis polo miúdo, a intención é traballar de maneira conxunta a prol da creación e consolidación de novas e innovadoras iniciativas de mercado a través da fórmula do coworking. Estas metodoloxías de traballo cooperativo aplicaranse, concretamente, nos polígonos de Barro-Meis e Lalín, onde a Deputación de Pontevedra conta con instalacións de seu (rede CPAE 2.0).
Á sinatura do acordo asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o subsecretario de Industria, Enerxía e Turismo e presidente de EOI, José María Jover; e o director xeral de EOI, Fernando Bayón, ademais do deputado de Cooperación, David Regades, os alcaldes de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, de Meis, José Luis Pérez Estévez, e o tenente de alcalde de Lalín, Nicolás González Casares.
Segundo aclararon, o obxectivo principal deste acordo é “fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos que participen destes espazos de coworking”, nun período limitado de tempo, identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento. A EOI e a Deputación de Pontevedra sinalaron na sinatura que “estas actuacións para a promoción e o coworking son fundamentais para impulsar o emprendemento e unha sociedade de homes e mulleres que teña capacidade para poder crear as súas empresas”.
Tanto en Barro-Meis como en Lalín, os proxectos de traballo cooperativo terán as mesmas características. Desta forma, a EOI e a Deputación realizarán catro convocatorias en cada localidade, cunha duración cada unha delas de 5 meses, dando cabida a entre 16 e 22 proxectos emprendedores. Ademais, os beneficiarios destes espazos seguirán un proceso de asesoría personalizada de 40 horas por parte de expertos da EOI e recibirán 60 horas de formación, grazas a obradoiros para potenciar o desenvolvemento de competencias en emprendemento e en xestión de proxectos.
Lembrar que o viveiro de empresas de Barro-Meis dispón de tres espazos de coworking de 37 metros cadrados cada un e con doce postos de traballo en total. Pola súa banda, o de Lalín conta cun espazo de coworking de 92,1 metros cadrados e con capacidade para 16 postos de traballo.
A Deputación de Pontevedra e a EOI impulsan o coworking en Barro-Meis e Lalín
Compartir Este Artigo

