CCNorte, empresa de Lugo desenvolvida ao abeiro da Fundación CEL, vai estrear este domingo unha máis que interesante tecnoloxía de seu durante a cronometraxe de Carreira Popular Lugo Monumental (XIII edición). Segundo nos conta a Fundación CEL, o software en cuestión amosa un importante potencial para facer seguimento en vivo dos corredores da proba. A tecnoloxía de Champion Chip Norte (CCNorte), amais do devandito, achega aos atletas unha funcionalidade de xeolocalización personalizada.
Segundo informa a Fundación, o desenvolvemento deste novo software de CCNorte, “empresa punteira na xestión de eventos deportivos”, facilitará que todos os seareiros do atletismo, así como aos familiares e amigos dos corredores, “poidan seguir en directo a carreira popular máis importante do calendario provincial”.
Parar tirar partido da ferramenta, os interesados en suala soamente terán que acceder dende calquera dispositivo con conexión a Internet (móbil, tableta ou computadora) á ligazón de carreiras en vivo que se vai habilitar na web championchipnorte.com, na que se poderá seguir o evento “de diferentes maneiras”.
Segundo apuntan dende CCNorte, “o máis innovador do noso software é que os seareiros poderán configurar ou elixir unha listaxe de atletas favoritos, por exemplo amigos, familiares ou integrantes dun club, dos que poderán coñecer en vivo datos como seguimento de pasos e posicións polos diferentes controis ou a previsión de marca en meta”. Asemade, terán a posibilidade de xeolocalizalos no percorrido “en todo intre e con total precisión”.
Este desenvolvemento súmase ás innovacións despregadas por CCNorte ao abeiro da súa plataforma Live Results, innovacións como o seguimento GPS da cabeza de carreira en categorías masculina e feminina ou o paso en tempo real de todos os corredores.
CCNorte MYLAPS é o nome comercial de Multisports Galicia S.L, empresa lucense que, con quince anos de vida, sitúase como referente galego e estatal en xestión integral de eventos deportivos e cronometraxe electrónica. Entre os seus puntos fortes atópanse o seu continuo investimento en desenvolvementos propios e o pulo creativo e innovador dos dez profesionais que integran a empresa. A día de hoxe, a súa plataforma conta con máis de 200.000 usuarios rexistrados como atletas, 300.000 deportistas na base de datos e 20.000 propietarios de chip persoal (chip amarelo). Ademais, xa organizou máis de 1.400 eventos deportivos nunha ducia de anos, entre os que se atopan as diferentes edicións das carreiras máis populares do noroeste peninsular (por exemplo o maratón Vig-Bay, a carreira popular de San Martiño, a do Camiño de Santiago, a de Coruña, o maratón de San Silvestre de Salamanca ou de León, entre outras competicións).
CCNorte estrea na cronometraxe de Lugo Monumental un software para seguir en vivo os corredores
Compartir Este Artigo

